Wednesday 08 de May de 2024

O concello adxudica provisionalmente a pavimentación de beirarrúas e renovación de servizos na avenida da Coruña


A actuación comporta un investimento de 220.000 euros

O Concello de Riveira informa da adxudicación con carácter provisional da pavimentación de beirarrúas e renovación de servizos dun tramo da avenida da Coruña.

A empresa Construcciones Oñial foi a que obtivo unha mellor clasificación, cunha oferta económica de 220.000 euros (181.818,18 euros máis IVE). O prazo de execución son cinco meses.

A avenida da Coruña é unha das rúas máis transitadas da cidade (no seu entorno se ubican centros educativos ou o pavillón de Coroso). A día de hoxe, obsérvanse baldosas e bordillos rotos ou deteriorados. Ademais, a rede de pluviais é deficitaria e na maioría dos tramos está mesturada coa rede de saneamento.

O proxecto abranguerá o tramo comprendido entre a rotonda situada xunto ás Carolinas (descontando, claro está, o traballo feito polos alumnos do obradoiro de emprego Curota) e a escola unitaria de educación infantil existente no Caramecheiro.

A tal efecto, colocarase 451 metros liñais de bordillo prefabricado de formigón e 1.890 metros cadrados de baldosa de formigón na marxe dereita, e 527 metros liñais de bordillo e 1.707 metros cadrados de baldosa na marxe esquerda. As baldosas serán en tonalidades gris escura ou branca.

No que respecta á instalación de pluviais, disporase no tramo comprendido entre o cruce coa rúa Sidreiras e a rotonda das Carolinas dous colectores (un por cada marxe da avenida) constituídos por unha tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro e 262 metros de longo e outra de PVC de 315 milímetros de diámetro e 246 de longo.